O I “Cros de Antioquía”, Campionato provincial de Campo a Través
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se disputará o día 24 de febreiro
O hipódromo de Antela acollerá o vindeiro domingo, 24 de febreiro, a primeira edición da proba atlética “Cros de Antioquía” que está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e será Campionato Provincial de Campo a Través absoluto, individual e por equipos. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia, Luis Miguel Gil; o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso; o delegado provincial da Federación Galega de Atletismo, Ángel Fidalgo; o xerente do Hipódromo de Antela, Jorge Vázquez; e o director deportivo da Asociación Deportiva Limiactiva, Óscar Gómez.
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que pretende converterse co tempo “nun dos mellores eventos atléticos do noroeste de España”, sinalou Rosendo Fernández, quen felicitou á asociación Limiactiva por organizar esta actividade que “fomenta a práctica do deporte, dinamiza o territorio e contribúe a poñer en valor infraestruturas como o hipódromo de Antela”.
O I “Cros de Antioquía”,organizado pola Asociación Deportiva Limiactiva, contará con “preto de 200 participantes con carreiras para tódalas categorías, desde sub 10 ata absoluta, e comezará a partir das 10.30 horas, rematando coa categoría absoluta que será a máis numerosa”, explicou Óscar Gómez. Os percorridos varían por categoría e van desde os 1.000 metros de distancia aos 6.000 metros. Os interesados en participar teñen de prazo para inscribirse ata mañá a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia dixo que é un evento que nace “nunha datas moi significativas para a nosa terra, durante o Entroido, e nunhas instalacións magníficas para acoller unha proba de cros”, e engadiu que “somos a capital do deporte como vila en moitas competicións e berce de bos atletas”. Neste mesmo sentido, o alcalde de Sandiás dixo que desde o seu concello “sempre pretendemos fomentar o deporte e máxime cando se celebra no noso municipio” e convidou a todo o mundo a asistir a este evento do que “gozarán os participantes pero tamén o público”.
Este primeira proba, “comezo dunha longa serie de cros, será a proba de fogo para comprobar as instalacións e o noso nivel organizativo, cunha carreira masculina moi numerosa con máis de 150 participantes co cal veremos como responde o terreo”, sinalou Ángel Fidalgo. En canto ao hipódromo de Antela o seu xerente destacou a capacidade destas instalacións “porque o concepto de hipódromo a nivel nacional e internacional non só se dedican ás actividades ecuestres, senón que teñen que ter tamén unha acción social máis directa sobre toda a poboación e o de Antela recolle as condicións especiais para acoller este tipo de probas”.