Xinzo de Limia Deportes

Máis de 800 deportistas disputarán a Fase Final da Copa Deputación de Ximnasia 2019

O evento deportivo terá lugar o vindeiro sábado, 25 de maio, no pavillón municipal de Xinzo

IMG-20190521-WA0006

O pavillón municipal de Xinzo de Limia acollerá o vindeiro sábado, 25 de maio, a Fase Final da Copa Deputación 2019 de Ximnasia, na que se darán cita máis de 800 deportistas en horario de mañá e tarde. A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia, Luis Miguel Gil; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez; a vicepresidenta e o directivo do Club EDC Xinzo, Heidy Carolina Trinidad e Néstor González.

Este evento deportivo chega a súa final, este fin de semana, en Xinzo de Limia, “tras disputarse as fases previas no Carballiño, Maceda e Celanova en datas anteriores”, sinalou Rosendo Fernández, quen lembrou que “son case 40 as modalidades deportivas que promove a institución provincial a través das Copas Deputación por toda a provincia”.

IMG-20190521-WA0005O concelleiro de Deportes de Xinzo de Limia, quen destacou a cooperación entre as diferentes entidades para desenvolver eventos destas características, dixo que o obxectivo do Concello de Xinzo é, ademais de fomentar o maior número de disciplinas deportivas posibles, “trasladar a nosa poboación que o deporte xera riqueza no noso municipio”.

José Manuel Estévez explicou que a Fase Final da Copa Deputación de Ximnasia contará “cunha parte competitiva, na que se darán cita ximnastas con cualidades físicas e horas de adestramento similares, para dar a oportunidade a todos de subir ao podio, e outra parte de exhibición na que deixamos participar a tódolos ximnastas que hai na provincia de Ourense”.

Por outra banda, o domingo, 26 de maio, a partir das 10.30 horas, disputarase a Copa Escolar Galega de Ximnasia de Trampolín, na que participarán preto de 200 deportistas de toda Galicia. “Trátase dunha nova competición que vai a nacer o vindeiro domingo en Xinzo de Limia”, explicou o presidente da Federación Galega de Ximnasia. Neste mesmo sentido, Néstor González dixo que esta nova competición “motivará aos nenos escolares a mellorar e adestrar máis”.