OCRA 2024: a emocionante carreira de obstáculos volve a Xinzo de Limia
Xinzo de Limia, a 04 de outubro de 2023. O Concello de Xinzo de Limia recibirá un ano máis a Copa OCRA. Este emocionante evento, que gañou recoñecemento nos últimos anos, voltará á nosa vila a fin de semana do 20 e 21 de abril de 2024, marcando o seu segundo ano consecutivo como sede do prestixioso Campionato Galego de Carreiras de Obstáculos.
O evento terá o seu epicentro na Alameda do Toural e incluirá un apartado completo adicado á categoría infantil. Ademais, na categoría popular, incorporarase un emocionante percorrido pola montaña, brindándolle ós participantes unha experiencia única no medio da fermosa xeografía limiá, cun percorrido de aproximadamente 7 quilómetros.
Para os atletas de élite, deseñouse un desafiante percorrido de 9-10 quilómetros, con máis de 30 obstáculos técnicos, de suspensión, de forza e de altura. Un dos principais obxectivos é o de instalar as probas máis espectaculares no centro de Xinzo, para maximizar o atractivo de cara ós espectadores.
A organización preve contar cunhas 1000 persoas inscritas nesta segunda edición de OCRA en Xinzo de Limia, con novos percorridos e desafíos nunca antes vistos.
Ademáis, destácase o impacto positivo do turismo deportivo. Na pasada edición o 73% dos participantes viñan de fóra da provincia, contribuíndo significativamente a dar a coñecer Xinzo e estimular a economía local. Este evento tamén fortalece o espírito de equipo, a comunidade do ximnasio e a unidade familiar, convertendo ó deporte nun verdadeiro motor económico e un orgullo para o noso concello.
En 2023, o impacto económico da Copa OCRA para a nosa localidade acadou a impresionante cifra de 110.000 euros. O Concello de Xinzo de Limia reafirma o seu compromiso conxunto coa organización das OCRA, anunciando un plan que abrangue os anos 2023-2027 para seguir a ser a sede anual desta prestixiosa competición.
Nos próximos días abriranse os prazos de inscrición.