Xinzo de Limia Deportes

Presentada en Xinzo a terceira etapa da Volta Galicia 2024

  • Xinzo de Limia, unha vila preparada para acoller grandes eventos, será un escenario clave da Volta a Galicia.

  • A terceira etapa da Volta a Galicia contará cun percorrido de 160 km e varios portos de montaña que desafiarán aos ciclistas.

Presentación III Etapa Volta Galicia 2024
Presentación III Etapa Volta Galicia 2024

Xinzo de Limia, a 11 de setembro de 2024. Hoxe celebrouse en Xinzo de Limia a presentación oficial da terceira etapa da 22ª Volta a Galicia, nun acto que contou coa presenza de membros da Federación Galega de Ciclismo, o alcalde de Xinzo, Amador Díaz, e a concelleira de deportes, Cristina Campero. A etapa, que se disputará este sábado 14 de setembro, será un dos momentos clave desta prestixiosa competición ciclista, cun percorrido de 160 quilómetros que levará aos corredores a través de diversos puntos da provincia da comarca da Limia.

A saída e chegada terán lugar na Praza Maior de Xinzo, cunha saída neutralizada ás 12:00 h. O trazado inclúe varios portos de montaña, como o alto das Estivadas ou o do Couso, que ofrecerán un desafío importante aos ciclistas, facendo desta etapa unha das máis emocionantes do evento. Ademais, o percorrido permitirá aos espectadores gozar tanto do espectáculo deportivo como das impresionantes paisaxes naturais da zona.

Durante a presentación, o alcalde Amador Díaz quixo destacar a importancia de que Xinzo forme parte dun evento deportivo tan relevante en Galicia, sinalando que “a Volta a Galicia non só é unha oportunidade para promover o deporte, senón tamén para dar a coñecer o noso municipio e a súa riqueza natural a través dun evento de gran envergadura.”

A Volta a Galicia, que se desenvolverá do 12 ao 15 de setembro, homenaxeará este ano ao ciclista Álex Marque. Con etapas en localidades como Sarria, Xinzo de Limia e Sanxenxo, esta competición consolidouse como unha das citas máis importantes do ciclismo galego e conta cun percorrido deseñado para poñer a proba as habilidades dos mellores corredores do panorama nacional.