Xinzo de Limia Deportes

A Volta a Galicia chega a Xinzo de Limia na súa terceira etapa

  • A Volta a Galicia, con 160 quilómetros de percorrido e varios portos de montaña, reunirá a elite do ciclismo en Xinzo de Limia este sábado

  • Xinzo de Limia consolídase como sede de grandes eventos tras semanas de éxito continuado con feiras e actividades multitudinarias 

  • A proba foi presentada a pasada semana en Santiago de Compostela, en presenza da concelleira de deportes Cristina Campero.

Cartel 22 Volta Galicia
Cartel 22 Volta Galicia

Xinzo de Limia, a 09 de setembro de 2024.  O próximo sábado, 14 de setembro de 2024, Xinzo de Limia acollerá a terceira etapa da 22ª edición da Volta a Galicia. Esta proba ciclista, que é unha das máis destacadas do calendario galego, reunirá algúns dos mellores corredores do panorama nacional, nun trazado de 160 quilómetros que partirá e finalizará na Praza Maior de Xinzo, percorrendo un perfil esixente e diverso por varias localidades da provincia de Ourense. Esta etapa será especialmente desafiante, cun gran desnivel acumulado que inclúe varios portos de montaña de terceira categoría, o que engadirá dificultade e espectacularidade á competición.

A saída neutralizada está prevista para as 12:00 h, tras a chamada aos corredores ás 11:50 h, nunha xornada que coincide coa celebración da feira local, o que augura unha gran afluencia de público tanto local como visitante. O pelotón atravesará varias localidades, incluíndo Calvos, Bande, Os Blancos e outras vilas, para retornar de novo a Xinzo de Limia, onde se decidirá o gañador desta etapa clave. O percorrido, caracterizado por un terreo ondulado e con múltiples retos, converterá Xinzo nun centro de atención para os amantes do ciclismo.

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, subliñou a capacidade organizativa do municipio, declarando que “Xinzo está en racha coa celebración de grandes eventos, como a Volta a Galicia, o Esquecemento, e as feiras de ALIMAGRO, PROLIMIA e EXPOFAMILIA, que se desenvolveron en semanas consecutivas. Isto demostra que somos un municipio preparado para acoller e organizar eventos multitudinarios, sendo un exemplo de dinamización que beneficia á nosa veciñanza.

O Concello informa tamén de que, con motivo desta etapa, se producirán cortes de tráfico en varias rúas e estradas, que se detallarán nos vindeiros días. Recoméndase á cidadanía que siga as indicacións de tráfico e as medidas de seguridade para garantir o bo desenvolvemento da proba.

A Volta a Galicia, que terá lugar do 12 ao 15 de setembro, é unha competición ciclista de referencia en Galicia e homenaxeará este ano ao ciclista Álex Marque. Co seu paso por localidades como Sarria, Xinzo de Limia e Sanxenxo, a proba combina a promoción do deporte coa posta en valor das paisaxes e infraestruturas galegas. 

Mapa da 3ª Etapa da Volta Galicia

Ruta da 3ª Etapa da Volta Galicia