Xinzo de Limia Educación

Carmen Pomar visitou hoxe os CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro

Nos dous CEIP da localidade realizáronse obras de rehabilitación e eficiencia enerxética

20190205CEIPRosaliadeCastro9

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe os CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro, en Xinzo de Limia. Un concello no que, segundo indicou, o seu departamento leva investidos máis de 1,7 millóns de euros en mellora das infraestruturas educativas, obras entre as que destacan as intervencións de rehabilitación e eficiencia enerxética desenvolvidas nos dous colexios de educación infantil e primaria da localidade.

20190205CEIPRosaliadeCastro8

No referido á actuación realizada no CEIP Carlos Casares a conselleira destacou que a mellora supón un aforro enerxético de arredor do 20%. As obras incluíron o illamento térmico da fachada, o forxado da baixocuberta e das caixas de persianas, sectorización da instalación de calefacción, e instalación de aerotermos no ximnasio.  Así mesmo, instaláronse novas fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro e luminarias de alta eficiencia enerxética. Finalmente instalouse un sistema de bombeo para a rede de saneamento.

No caso do CEIP Rosalía de Castro, illaronse termicamente as fachadas, renováronse as caixas de persiana e os falsos teitos, instalouse un novo sistema de calefacción a gas natural, así como novas luminarias de alta eficiencia enerxética. A maiores, pechouse a pista polideportiva do centro con paneis de formigón na parte inferior e translúcido na superior, instalouse un cortaventos e ampliáronse as ramplas para facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida.

Carmen Pomar quixo destacar tamén a participación destes CEIP nos diferentes programas impulsados pola Consellería. Non en balde, os dous contan con sección bilingüe, forman parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe) e desenvolven iniciativas do Plan Proxecta. Ademais, o CEIP Rosalía de Castro incorporouse este ano á acción Introdución da Robótica en Primaria, mentres que o CEIP Carlos Casares ampliou a súa participación na mesma.

Na súa visita a conselleira estivo acompañada pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e polo alcalde de Xinzo de Limia, Manuel Cabas

Album fotografico da visita