Máis de 500 escolares celebran en Xinzo o “XII Abraço ao Río Limia”
-
O acto contou coa participación dos CEIP Rosalia de Castro e CEIP Carlos Casares.
-
O Abraço ao Río Limia é unha iniciativa conxunta entre o Concello de Xinzo de Limia e a Câmara de Ponte de Lima.
Xinzo de Limia, a 20 de xuño de 2024. Este xoves, a comunidade educativa de Xinzo de Limia recibiu a escolares de Ponte de Lima para celebrar o XII Abraço ao Río Limia, unha iniciativa conxunta entre o Concello de Xinzo e a Câmara de Ponte de Lima. Estas xornadas contan coa implicación dos CEIP Rosalia de Castro e CEIP Carlos Casares, que participan neste proxecto desde a súa cuarta edición no ano 2014. Nesta edición estiveron tamén representados o CE das Lagoas e o EB1 de Ponte de Lima.
Durante o acto central, máis de 500 escolares xuntáronse nun emotivo encontro arredor do río, uníndose polas mans para simbolizar o abraço. A continuación, realizaron unha plantación simbólica para reafirmar o compromiso común coa sustentabilidade ambiental. As actividades continuaron cun xantar e visitas culturais, incluíndo unha visita ao Museo Galego do Entroido.
O XII Abraço ao Río Limia fortalece as relacións entre as persoas participantes, e tamén serve como un recordatorio da capacidade dos ríos e da auga para unir comunidades. Estiveron presentes o alcalde de Xinzo, Amador Díaz, concelleiros da corporación local, autoridades de Ponte de Lima e directores dos colexios implicados.