Xinzo de Limia Entroido

Máis concertos, máis seguridade e máis limpeza no Entroido 2019

“Quitalle a máscara ao machismo”, eslogan da campaña contra a violencia machista no Entroido

FOTO1

Hoxe, día 31 de Xaneiro, tivo lugar na sala de xuntas do Concello de Xinzo de Limia a presentación do Programa do Entroido deste ano 2019.

O Concelleiro de Cultura, Carlos Salgado, xunto co alcalde, Manuel Cabas, falaron do novo recoñecemento adquirido polo Entroido da vila limiá, converténdose no primeiro Entroido de Galicia declarado de Interese Turístico Internacional. Matizaron ambolos dous a especial idiosincrasia do Entroido de Xinzo como unha festa participativa, chea de matices que a fan úníca e onde a tradición é, sen lugar a dubidas, o motor principal da festividade. Non quixeron esquecerse de darlle o parabén non só a comisión desta edición, se non a tódalas comisións anteriores e, por suposto, a todo o pobo de Xinzo de Limia como principais merecedores deste distintivo.

Deuse paso, na rolda de prensa, a Iván Prado, portavoz da Comisión deste ano, que explicou que o traballo levado adiante nesta edición camiña sobre os pasos xa marcados pola comisión anterior, apoiándose no seu traballo e intentando mellorar todo o posible nesta nova edición. Explicou que se están elaborando diferentes melloras en todos os eidos do Entroido, destacando en primeiro termo a creación dunha app móbil onde se plasme a historia do noso Entroido e do noso traxe, a Pantalla, como un método de aproximar información ao visitante para mellorar e preservar as nosas tradición.

IMG_7792

Seguiu Xesús Fariñas, portavoz da area tradicional, falando das melloras acadadas este ano como pode ser a organización de dous concertos para o Colgamento do Meco: Pelepau e Tiruleque e a recuperación de novas máscaras esquecidas para a comitiva desa xornada. Así mesmo nomeou a Asociación "A Pantalla" como un dos colectivos principais do Entroido e que ven desenrolando o longo de toda a festividade partes cruciais do Entroido que redundan sempre nun intento de preservar e dignificar cada vez máis a nosa tradición e ritos característicos.

Tomou seguidamente a palabra Adriana Jimenez, responsable da area de comunicación desta edición aportando información sobre diferentes campañas que se levarán a cabo no Entroido e concretamente sobre a Campaña contra o maltrato de Xénero informado que se habilitarán diversos puntos violetas para facer que o Entroido se converta nun espazo ausente de machismos e seguro para todas. Anunciouse o lema desta campaña: quítalle a máscara ao machismo que será empregada en múltiples publicacións tanto en papel como dixitais e terá a súa maior forza nunhas pulseira, a modo de recordatorio, que se repartirán gratuitamente na Praza Maior durante toda a xornada do Corredoiro.

Foi Ricardo Sieiro, concelleiro de Urbanismo e Obras, o encargado de falar sobre todas as melloras en canto a infraestruturas e limpeza para este ano matizando a importancia de ter un Entroido limpo e seguro e falando neste senso, do reforzo pedido aos diferentes órganos gobernamentais para que o lixo non sea protagonista da nosa festividade. Explicou ademais que se empregarán carpas transparentes como unha das melloras conseguidas gracias a nova achega da Xunta de Galicia tras acadar o distintivo.

Por último, tomou a palabra o concelleiro de Deportes e Educación, Luis Miguel Gil, pondo en valor as actividades infantís organizadas, sen dubida, un dos puntos máis interesantes do Entroido de Xinzo onde destaca o gran desfile infantil que se celebrará a mañá do Venres de Entroido e onde participan máis de mil  rapaces e rapazas de toda a contorna.

A Comisión e a Concellería de Cultura de Xinzo de Limia recalcan que o noso deber como organizadores e como veciños é coidar, ante todo, o que nos fai únicos que non é outra cousa que a nosa tradición e os ritos que a conforman e que, coa nova denominación, temos un reto engadido que nos obriga a coidar, se cabe, máis todo o que fai do Entroido de Xinzo un Entroido senlleiro.

Rematou a rolda de prensa falando de novo Carlos Gómez, no seu nome e no da Comisión, mostrando o seu agradecemento a todos aqueles colectivos que fan do Entroido de Xinzo unha festa única no mundo e en especial a Asociación "A Pantalla" e a "Limisi", a cal se lle cede, cun espírito de colaboración, os dereitos de imaxe do Entroido para a elaboración de mechandising que redunde totalmente en beneficio da asociación. Ademais, este ano, serán os encargados de facer a repartición dos cartaces, pegatinas e cartas a tódolos Comercios da vila.