O Museo do Entroido de Galicia volverá abrir as súas portas ao público
O alcalde, Manuel Cabas, afirma que “é unha gran noticia para todos os limiáns que levabamos tempo agardando”.
A Deputación de Ourense farase cargo en 2019 da xestión do Museo do Entroido de Galicia, en virtude dun convenio que asinará co Concello de Xinzo de Limia. Permitirase deste xeito a apertura permanente das instalacións dando resposta a unha vella aspiración da vila limiá, como é ser a testemuña galega dunha festa.
O convenio, que se presentará no pleno ordinario da corporación provincial deste mes de setembro, vén de ratificar o compromiso da Deputación e do Concello cunha das manifestacións culturais e populares máis importantes de Ourense, como é o Entroido, pois xa en 2016 a Deputación asinara outro documento de colaboración co Concello de Xinzo, para aportar dous técnicos e dar pulo a este espazo expositivo.
“Queremos potenciar e dar visibilidade a este centro, que ademais de ser o museo do entroido limiao tamén o é das outras celebracións do carnaval de Galicia, para potenciar a gran riqueza cultural e etnográfica que significa”, valorou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.
Pola súa banda, o alcalde de Xinzo, Manuel Cabas, amosou o seu agradecemento polo apoio da Deputación provincial, sinalando ademais que todos os veciños “temos que sentirnos orgullosos de acollermos o único museo de Galicia deste tipo”. Para o rexedor limián, este espazo permitirá ofrecer aos visitantes, e de xeito especial durante o entroido, “unha oportunidade única de coñecer unha parte fundamental da nosa cultura, un espectáculo que trascende o meramente festivo”.
O Museo do Entroido de Xinzo, situado no antigo mercado de abastos de Xinzo, foi inaugurado no ano 2015 e consta de dous andares. O primeiro deles ofrece espazos para conferencias e actividades culturais e acolle tamén unha exposición permanente da Asociación de Amigos da Pantalla de Xinzo. No segundo andar está a parte principal do museo, onde se reúne unha ampla mostra dos elementos que definen os entroidos máis característicos de Galicia e tamén de Portugal. Entre eles poden admirarse as máscaras, traxes e accesorios das figuras máis representativas dos entroidos de Xinzo de Limia, Verín, Laza, Viana do Bolo, Maceda, Bande, Manzaneda, Sande e Sarreaus, e tamén das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo, así como os Carapetos de Portugal.