O ENTROIDO MÁIS LONGO DE EUROPA
Historia e calendario
Polo seu carácter etnográfico e cultural, o Entroido constitúe a tradición máis arraigada na Comarca, gozando de gran popularidade en toda a Comunidade Autónoma Galega, considerado dende fai anos de interese turístico nacional, tratándose do máis amplo, longo e intenso de España, tanto no tempo coma nas súas formas de expresión popular; abarcando cinco domingos sucesivos: Fareleiro, Oleiro, Corredoiro, Domingo, Luns e Martes de Entroido, Enterro da Sardiña e Domingo de Piñata.
A “Pantalla“ é a máscara do entroido limiá, constituíndo o símbolo de manifestación máis importante, con raíces castrexas marcadas, na que o seu poder relixioso, xudicial e social queda manifesto, na máscara (o relixioso), que constitúe una variante única e singular, no seu porte de virilidade e fermosura de vellas máscaras medievais europeas que recolleron elementos de ritos paganos de fertilidade, que nas procesións relixiosas representaban ó inframundo e xenericamente o primitivismo do home non cristianizado; na imposición das vexigas (o xudicial) e na participación e función de ordena-la festa (o social); sendo ademais unha das escasas máscaras rurais que perviven na Europa do novo milenio. A súa saída ás rúas chegan a sumar centos delas, o que é ritual e tradicional. A “Pantalla” é a raiña do entroido limiá, ninguén se pode meter con ela, co movemento das fitas, son das campás e cascabeis, e os golpeteos das vexigas, deixan constancia da Leticia do entroido.
Calendario do entroido:
Primeiro Sábado Petardazo: O Sábado de Petardazo iníciase na Praza Carlos Casares, ó lado do Concello. O tradicional “chupinazo” inicial das festas, despois de facer a conta atrás no reloxo situado nesa praza. Este reloxo está durante todo o ano retrocedendo minuto a minuto e indicando os meses, días, horas, minutos e segundos que faltan para o comezo do entroido. Ó “petardazo” inicial séguenlle as palabras do Alcalde-Presidente do Concello ou no seu lugar do Concelleiro de Cultura, Turismo e Festas. Está presente a comisión de festas de cada ano e outros animadores da festa. Esa noite, despois da conta atrás, as batucadas e charangas, nun ambiente de gran bulicio e alegría por o comezo do Entroido, amenizan as rúas e prazas ata ben chegada a madrugada.
Domingo Fareleiro: Provistos de fariña ou farelos, todos, novos e maiores xúntanse na Praza Maior para unha singular batalla. É unha celebración de raíces antropolóxicas, unidas ás ancestrais festas de fecundidade e ritos purificadores e de bendición dos campos. Mantense en contadas localidades e en Xinzo de Limia dedícaselle un día propio. A farelada abre o tempo de transgresión e ruptura de normas politicamente correctas.
Sábado Colgamento do Meco: A festa do sábado de corredoiro ten unha celebración central: o desfile do “carro co Meco” e o posterior colgamento do mesmo no medio da Praza Maior, onde permanecerá durante todo o Entroido.
O meco percorrerá as rúas e prazas o casco vello, acompañado de corazas e fachóns para ser colgado publicamente ao son das gaitas e pandeiros.
O meco é a representación do Entroido, unha persoaxe que recibe as mofas de toda a multitude como ocorreu en antiguas civilizacións cos “reis de palla”.
No desfile hai outros elementos importantes e de gran tradición como son “o touro do Entroido” e “os gordos” ou “homes de palla”.
Os acompañantes da comitiva bufa van vestidos con traxes tradicionais con pañoletas, sombreiros e gorras e, en moitos casos, calzados coas xa esquencidas “zocas de madeira”. Os fachóns que rodean ao “Meco” son signo tamén de purificación e destrución de maldade por medio do fogo.
Domingo Oleiro: Esta celebración e unha das peculiaridades do Entroido de Xinzo de Limia. Este xogo non pertence, na súa orixe, ao ciclo entroidal. Celebrouse noutra en Santiago ou vilas coma Marín e a veciña Allariz, entre outras localidades da Península, incluida Portugal, onde os nosos veciños lle chamaban “jogo de pucarinha”.
Os mozos fan unha rolda e lánzanse olas de barro cheas de fariña, auga ou ambetadas. Se algún deles deixa cair a ola ao chan, terá que pagar unha rolda de viño aos demais participantes. Actualmente xogan homes, ainda que antaño foi tamén xogo feminino.
Sábado Corredoiro : A noite do sábado de corredoiro e só para as mulleres. Tódalas mulleres reúnense en ceas de grupos e de amizade. Esa noite os homes vístense de muller xa que é a noite femia. As charangas van a recibilas aos lugares comúns de cea e logo, na Praza Maior e rúas do casco vello, apuran a desta ata altas horas da mañanciña.
Venres, Sábado, Domingo, Luns e Martes: Ningún veciño sae a rúa sen se disfrazar. Xinzo de Limia muda a cara por completo durante o Carnaval e ese é un dos rasgos que caracterizan a esta festa. A xente leva meses preparando os disfraces e as carrozas. A vila transforma a súa rutina nun espectáculo popular e participativo de humor, ironía, inxenio e beleza.
O Venres é o día dos nenos. Desfiles dos colexios polas rúas, espectáculos e concursos infantil de disfraces. O Sábado é a hora das chirigotas. O festival da canción do humor fai que o sarcasmo se faga presente. O Domingo e o Luns saen as charangas e todos, en constante desfile, bailan por as rúas.
O Martes de carnaval: ten lugar o gran desfile de comparsas, carrozas e charangas. Un gran número de veciños participan activamente e unha multitude contempla este espectáculo. Esta é a compoñente más moderna e urbana dunha festa fundamentalmente tradicional.
Mércores de Sardiña: Bispos, viúvas, choronas, sacristáns, militares, amigos e público en xeral acompañan con solemnidade o Enterro da Sardiña o mércores de cinsa. A comitiva parodia un enterro clásico e verdadeiro e expresa a súa dor polo remate do Entroido. Antes de ser queimada, lense unhas coplas satíricas sobre temas de actualidade, en especial da vida local.
Contra o que puidera pensarse, estas cerimonias empezaron a sair en Madrid e foron incorporadas como propias polas burguesías locais de cidades e vilas de todo o Estado español. Tamén en Xinzo de Limia.
Domingo de Piñata: Este domingo e o derradeiro estertor do Entroido. A xente resístese a aceptar que rematou o especial tempo da festa e da burla, da máscara e da transgresión das normas comúns de comportamento ou vestimenta. Volven as pantallas ás rúas e, ao son da charanga ou da orquestra, ainda queda tempo para un derradeiro baile. Organízase xogos para os cativos na Praza Maior. As piñatas, cheas de lambetadas, confetis ou fariña, fan as delicias dos nenos. Empeza a conta atrás para o Entroido do ano seguinte na vila galega máis entroideira.
Postres tradicionais do entroido: filloas, os muñuelos ou as orellas
Mais que una festa, o Entroido de Xinzo e un “sentimento”, tan arraigado nos limiaos que nin sequera a prohibición do mesmo durante as catro décadas do franquismo obtiveron facelo desaparecer. Tras elas, resurxiu con forza, sendo declarado Festa de Interese Turístico Nacional en 1997, dende entonces, e cada vez mais coñecido e abarrotado.
|
DATOS DE INTERESE:
|