Xinzo de Limia Entroido

Unha Pantalla de grandes dimensións toma vida en Xinzo

 

  • Xinzo aposta pola arte urbana para realzar a súa tradición máis emblemática

  • A obra de case 500 metros cadrados estará rematada antes da festa

  • Unha imaxe que reflicte a esencia dun Entroido recoñecido internacionalmente

Mural da Pantalla en Xinzo de Limia (en proceso)
Mural da Pantalla en Xinzo de Limia (en proceso)

Xinzo de Limia, 03 de febreiro de 2025. Xinzo de Limia contará cun novo atractivo turístico co remate dun espectacular mural dedicado ao Entroido, que se está a pintar na céntrica rúa Dos de Maio, xunto ao MUGAE. A obra, financiada pola Xunta de Galicia e promovida pola Concellería de Cultura, recolle unha icónica imaxe dunha pantalla, baseada nunha fotografía de Noelia Caseiro.

Os artistas encargados de darlle vida a este mural de 458 m² son Néstor Reinaldo e Pablo Loyola, quen están a traballar con técnicas mixtas para garantir a súa durabilidade e impacto visual. A iniciativa, que estará rematada xusto antes do inicio do Entroido, busca converterse nun punto de referencia para veciños e visitantes, convidándoos a fotografarse coa imaxe e a compartir o espírito do noso Entroido.

O proxecto non só inclúe os traballos de pintado, senón tamén materiais de protección, medios de elevación e a realización dun timelapse fotográfico e en vídeo, capturando o proceso de creación desta obra que pasará a formar parte do patrimonio artístico e cultural da vila.

Con este mural, Xinzo reafirma a súa identidade e pon en valor o Entroido como elemento diferencial, dinamizador e atractivo para o turismo, en vésperas dunha das festas máis esperadas do ano.