Xinzo de Limia Institucionales

Xunta Local de Seguridade en Xinzo de Limia

- Concello e Subdelegación do Goberno analizan a seguridade cidadá e o Plan Director nos centros educativos
 
Xunta Local de Seguridade
Xunta Local de Seguridade

Xinzo de Limia, 23 de xaneiro de 2025.  O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, e o secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias, copresidiron a Xunta Local de Seguridade, na que se avaliou a situación da seguridade cidadá no municipio e se revisaron as medidas enmarcadas no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos.

Durante a reunión, destacouse o aumento dos delitos contra o patrimonio rexistrado en Xinzo durante o ano 2024. No tocante á violencia de xénero, abordouse a situación actual no municipio, que conta con 24 casos activos, 19 dos cales inclúen medidas de protección como a prohibición de aproximación e comunicación por parte do agresor.

En relación ao Plan Director, resaltouse a elevada participación do alumnado nas actividades preventivas organizadas, aínda que se sinalou como reto principal lograr unha maior implicación das ANPAS. Neste ámbito, a Policía Local puxo en valor a figura do seu axente mediador, que traballa na resolución de conflitos interpersoais entre os máis novos, moitos deles no ámbito educativo.

Na reunión participaron representantes da Xunta de Galicia, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, Bombeiros de Xinzo e a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno. O Concello de Xinzo reafirma o seu compromiso coa seguridade cidadá e a convivencia, colaborando de forma estreita coas distintas institucións e corpos de seguridade.