O alcalde de Xinzo e o presidente da CHMS supervisan as obras de reconstrución do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras
- Estas actuacións implicaron un investimento de 717.000 euros.
-
Procedeuse á consolidación dun conxunto arquitectónico que dispón do sistema hídrico máis importante do noroeste peninsular neste tipo de construcións.
Xinzo de Limia, a 19 de Marzo de 2024. Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, acompañado de José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-SIL (CHMS), visitaron hoxe o mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras para supervisar o remate das obras de consolidación de infraestructuras hidráulicas e de reconstrución deste importante elemento patrimonial para a comarca da Limia.
Durante as obras consolidáronse restos do mosteiro así como das súas canalizacións de auga ó longo de máis de 500 metros. Tamén se reconstruiron con pedras caídas moitos algúns dos muros do propio mosteiro, co gallo de frear o seu deterioro e facer posible a súa apertura de cara ó público. “Unha vez máis ponse en valor a importancia da colaboración entre o Concello e as diferentes institucións supramunicipais” indicou Amador Díaz, á vez que solicitaba “seguir investindo en Trandeiras, nun mosteiro cun gran potencial patrimonial e turístico”.
Cabe destacar que durante as tarefas de reparación se descubriron estruturas e elementos non visibles ata o de agora, como pode ser o lavatorium na esquina norte do claustro. Todo o proceso foi documentado e coordinado coa axuda dun arquitecto e un arqueólogo, ambos especialistas en intervencións de edificios históricos que nos axudan a comprender a vida neste tipo de comunidades.
A obra finaliza coa instalación de portas nos accesos, así como a pavimentación e sinalización dun percorrido con paneis informativos orientados á creación de visitas didácticas.