Xinzo de Limia Novidades

O II Concurso de Patapas de Xinzo ampliará a súa duración e contará con máis locais participantes

  • O evento celebrarase do 21 ao 24 de novembro, do 28 de novembro ao 1 de decembro e do 5 ao 8 de decembro, mantendo o prezo do pincho en 2 euros.

  • Máis de 2.500 euros en premios para quen participe da ruta e dos sorteos en redes sociais. 

  • O concurso aumenta establecementos e premios nun evento que dinamiza a economía e a vida social de Xinzo de Limia.

Algúns dos hostaleiros asistentes á reunión.
Algúns dos hostaleiros asistentes á reunión.

Xinzo de Limia, a 29 de outubro de 2024. O Concello de Xinzo de Limia, en colaboración co sector hostaleiro, anuncia as datas e o formato do II Concurso de Patapas, que nesta edición estenderá a súa duración para dar resposta á gran acollida da súa primeira convocatoria. O evento celebrarase durante tres fins de semana consecutivos, abranguendo do 21 ao 24 de novembro, do 28 de novembro ao 1 de decembro e do 5 ao 8 de decembro, con horario de xoves a domingo, tanto ao mediodía como pola noite.

O prezo de cada pincho manterase en 2 euros, garantindo así o acceso a unha ampla variedade de creacións gastronómicas nos diferentes locais participantes. Cada establecemento ofrecerá un pincho único elaborado con pataca limiá que deberá estar dispoñible durante todo o concurso, facilitando que as persoas asistentes poidan planificar a súa ruta e gozar dun percorrido gastronómico variado e de calidade.

Nesta segunda edición, o evento contará cunha maior participación de establecementos, un feito que pon de manifesto o compromiso da hostalería local coa dinamización económica e social do municipio. Ademais, as persoas que participen na ruta de bares terán a oportunidade de optar a premios que suman máis de 2.500 euros, un aliciente que incrementa o interese tanto entre veciñanza coma entre visitantes. Estes premios serán gastados en calquera establecemento local, xerando un retorno positivo tamén para os negocios do municipio.

Para fortalecer a difusión e dinamización, repetirase o sorteo nas redes sociais, un elemento que o ano pasado demostrou o seu potencial cun alcance de máis de 200.000 impactos.  Animamos a todos os veciños e visitantes a reservar as datas e preparar o apetito para este II Concurso de Patapas, que promete ser unha festa gastronómica para o padal e un impulso para o comercio local.