Xinzo de Limia Novidades

Seguridade reforzada no Entroido de Xinzo: máis medios e maior prevención

  • Reforzase a seguridade co despregue da furgoneta violeta, que este ano estará presente tamén no Petardazo

  • A Axencia Galega de Emerxencias instalará o posto de mando avanzado o sábado do Petardazo

Xunta de Seguridade - Entroido 2025
Xunta de Seguridade - Entroido 2025

Xinzo de Limia, 29 de xaneiro de 2025. O Concello de Xinzo de Limia ten todo preparado para garantir a seguridade durante o Entroido 2025, recoñecido como Festa de Interese Turístico Internacional e unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo galego. Como en anos anteriores, o Plan de Autoprotección do evento establece medidas de prevención e resposta ante posibles incidencias, contando cunha coordinación eficaz entre os distintos corpos de seguridade e emerxencias.

Unha das principais novidades deste ano é a ampliación da furgoneta violeta, que velará pola seguridade das mulleres ante agresións machistas e que, ademais de estar operativa nos días grandes do Entroido, estará presente tamén no Petardazo. Ademais, debido á gran afluencia de persoas prevista para ese día, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) instalará o camión de posto de mando avanzado para mellorar a resposta ante calquera eventualidade.

Durante as xornadas festivas, o dispositivo de seguridade contará coa participación do Parque de Bombeiros de Xinzo de Limia, Policía Local, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Protección Civil. Ademais, estará operativo un posto médico de auxilios, así como efectivos de Cruz Vermella e do CIM para ofrecer unha resposta rápida e coordinada ante calquera incidencia.

Tamén se reforzará a videovixilancia en puntos estratéxicos da vila, garantindo maior seguridade para veciños e visitantes.

O alcalde, Amador Díaz, fai un chamamento ao civismo: "O Entroido é unha festa de todas e todos, e para iso é fundamental o respecto e a colaboración da cidadanía".