Xinzo de Limia Obras e Infraestruturas

O Concello inviste 205.000€ na rúa Dous de Maio

  • A actuación no firme e nas beirarrúas supón un investimento por un importe de 205.000€, no tramo comprendido entre a rúa Toural e a avenida do Río Limia.

  • O obxectivo principal destas obras é a mellora integral do espazo existente, abordando aspectos cruciais como o abastecemento, saneamento, recollida de pluviais, creación de espazos verdes e, especialmente, a mobilidade.

Beirarúa na Dous de Maio
Beirarúa na Dous de Maio

Xinzo de Limia, a 10 de maio de 2024.  O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Obras e Mobilidade con Moncho Gómez á cabeza, informa da adxudicación das obras de reurbanización na beirarrúa dereita da Dous de Maio, no tramo situado entre a rúa Toural e a avenida do Río Limia. Esta actuación e a renovación do firme no mesmo tramo, supoñen un investimento por un importe de 205.000€.

O obxectivo principal destas obras é a mellora integral do espazo existente, abordando aspectos cruciais como o abastecemento, saneamento, recollida de pluviais, creación de espazos verdes e, especialmente, a mobilidade. A intervención tamén contempla a instalación de mobiliario urbano, como bancos e soportes para bicicletas, así como varandas de aluminio sobre a beirarrúa para garantir a seguridade das persoas viandantes e evitar caídas en distintos niveis. 

Destacamos que estas obras non só suporán unha renovación estética e funcional do espazo, senón tamén unha mellora da mobilidade na zona. Para iso, está previsto o reasfaltado do tramo con triple rego asfáltico e a instalación de tres pasos de peóns elevados, así como unha completa sinalización para garantir a seguridade viaria.

Esta actuación responde a unha demanda histórica da veciñanza da zona, tratándose dunha rúa de gran importancia residencial e comercial, que presenta certa complexidade polo seu elevado tránsito ó ser unha das vías principais da vila. Con este investimento, o Concello de Xinzo de Limia reafirma o seu compromiso co desenvolvemento e mellora continua do municipio.

Cabe sinalar que este proxecto está financiado con recursos propios do Concello, enmarcados dentro do programa CooperOU, que permite á administración local decidir e priorizar o investimento en función das necesidades da comunidade.