Novas aulas e ascensor na Casa da Cultura de Xinzo
-
As actuacións inclúen a creación de novas aulas de estudo, melloras na biblioteca e a próxima instalación dun ascensor.
-
A biblioteca renóvase con novo mobiliario e libros en galego, mentres se recuperan espazos para novas actividades culturais.
Xinzo de Limia, a 07 de outubro de 2024. A Casa da Cultura de Xinzo está inmersa nun proceso de renovación destinado a optimizar os seus espazos e facilitar o acceso ás instalacións para toda a veciñanza. O conxunto das actuacións, que superan os 100.000€ de investimento, están financiadas mediante un convenio entre a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a concellería de Cultura de Xinzo de Limia; e unha subvención da Consellería de Presidencia.
Un dos principais avances é a creación de novas aulas de estudo no segundo andar, integradas na área da biblioteca. Estas instalacións responden á crecente demanda de espazos para o estudo e ofrecen condicións adecuadas para o traballo individual ou en grupo. Paralelamente, a propia biblioteca está experimentando estes días unha renovación profunda que inclúe a incorporación de novo mobiliario —mesas, cadeiras e estanterías— e a restauración do pavimento de parqué, ao que lle están aplicando un proceso completo de pulido e vernizado. Como parte das melloras realizadas, tamén se ampliou o fondo bibliográfico da biblioteca, cunha aposta destacada polos libros en lingua galega.
De cara ao futuro inmediato, abordarase unha das demandas históricas das persoas usuarias: a instalación dun ascensor. Este equipamento, fundamental para garantir o acceso ás plantas superiores do edificio, permitirá eliminar as actuais barreiras arquitectónicas e facilitará a mobilidade, especialmente para aquelas persoas con maior dificultade de acceso.
Finalmente, cabe destacar o traballo de recuperación de varias aulas que permanecían inutilizadas ao seren empregadas como almacén. Estes espazos, agora liberados e acondicionados, serán destinados a ampliar a oferta de actividades culturais e educativas da Casa da Cultura, tal como se vén facendo co Clube de Lectura Antelea.