Xinzo de Limia

Xinzo de Limia crea 51 novas prazas de aparcamento libre e gratuíto

  • O novo aparcadoiro gratuíto ao aire libre será accesible dende a Avenida de Madrid e a Rúa San Sebastián.

  • Próximo ao CEIP Rosalía de Castro e situado nunha importante zona comercial e de servicios.

  • O novo aparcadoiro estará asfaltado, delimitado e iluminado.

Amador Díaz e Moncho Gómez, visitando o inicio das obras xunto cun dos responsables da mesma.
Amador Díaz e Moncho Gómez, visitando o inicio das obras xunto cun dos responsables da mesma.

Xinzo de Limia, a 03 de xuño de 2024. O Concello comezou as obras de habilitación dunha nova zona de aparcadoiros gratuítos ao aire libre, unha iniciativa pensada para impulsar o comercio local e favorecer a mobilidade en todo o núcleo urbano.

Esta nova zona está situada na Avenida de Madrid, con saída á rúa San Sebastián e a escasos metros do CEIP Rosalía de Castro. Contará con 51 aparcadoiros asfaltados, iluminados e delimitados, asegurando así unha experiencia de aparcamento cómoda e segura para quen o empregue. Outro detalle que non pasará desapercibido será a integración arquitectónica dos contedores, que se adaptarán ao entorno para manter a estética da zona. Isto reafirma o compromiso do Concello de Xinzo de Limia con un desenvolvemento urbano sostible, harmonioso e focalizado nos viandantes.

O investimento total nesta iniciativa ascende a 40.000 euros financiados íntegramente polo Concello de Xinzo de Limia. A negociación para o desenvolvemento deste proxecto comezou a principios do ano, encabezada por Moncho Gómez, concelleiro responsable de urbanismo e mobilidade, e culminou nun acordo de arrendamento de cinco anos.

A obra comezou na pasada semana, polo que se agarda que sexa rematada durante o mes de xuño. Este aparcadoiro, que se suma ó da Avenida de Celanova e o da Rúa Curros Enríquez, enmárcase dentro dun plan de mobilidade que próximamente se estenderá tamén ó Barrio do Polígono. Tamén informamos de que pronto se volverá poñer a punto o aparcadoiro sito na Curros Enríquez, que non goza dun firme en asfalto por mor da tipoloxía do contrato de cesión cos seus propietarios.