O Concello de Xinzo destina novos recursos para consolidar Trandeiras como referente patrimonial
-
O pleno aproba a nova obra hidráulica para o Mosteiro de Trandeiras valorada en 920.000€.
-
A prórroga do contrato de Axuda a Domicilio consolida un dos servizos máis ambiciosos do Concello.
-
A renovación do contrato eléctrico reforza a eficiencia enerxética do Concello.
Xinzo de Limia, a 05 de decembro de 2024. O Pleno ordinario do Concello de Xinzo de Limia abordou unha orde do día con temas de gran relevancia para o municipio. Debateuse e aprobouse a prórroga do contrato de servizos de Axuda a Domicilio, cos votos a favor de tódolos grupos. Este contrato, o de maior importe na historia do Concello, supuxo preto de 900.000 euros en dous anos, garantindo unha maior estabilidade no servizo.
No cuarto punto, aprobouse unha nova obra de gran impacto para o Mosteiro de Trandeiras, cun orzamento de 920.000 euros, dos cales o Concello achegará só o 15% grazas a unha negociación eficaz coa Confederación, o que mellora as condicións dos convenios previos. Este proxecto dá continuidade aos traballos realizados durante o verán, cando se adquiriu a propiedade de 15.000 m² onde se atopan as captacións de auga, reforzando o compromiso co patrimonio local e demostrando a capacidade de planificación do grupo de goberno. Outro dos temas foi a aprobación por unanimidade unha moción conxunta que insta á Xunta de Galicia a crear un Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) en Ourense, propoñendo que este sexa de xestión pública.
No eido da mobilidade, aprobouse a proposta do grupo socialista para a creación dunha ordenanza municipal que regule os Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP). O concelleiro de Mobilidade indicou que “estamos traballando na materia, máis esta normativa deberá adaptarse á nova Lei de Seguridade Vial, que se atopa aínda en tramitación a nivel estatal”. Tamén foi aprobada a renovación do contrato de subministración eléctrica a través da Central de Contratación da FEMP, garantindo que o Concello siga beneficiándose das condicións vantaxosas que ofrece esta colaboración.
Por último, abordouse a demolición da presa de Gudín, actualmente en execución, co derrube da mesma e a construción dunha balsa para a carga de auga en caso de incendios. O reaxuste económico aprobado busca minimizar a carga financeira inmediata para o Concello.
Este pleno puxo de manifesto o compromiso unánime dos grupos políticos en temas clave para o desenvolvemento do municipio e o benestar da súa veciñanza, resumido en palabras do alcalde Amador Díaz “traballar, traballar e traballar”.