Xinzo de Limia Plenos

O Concello de Xinzo de Limia insta ao Ministerio que axilice o proxecto de humanización da N525

Así o manifestou a corporación local de xeito unánime tras unha moción conxunta, instada polo equipo de goberno, durante a sesión plenaria de carácter ordinario celebrada o día 06 de xuño.
Pleno Ordinario 06-06-2024
Pleno Ordinario 06-06-2024

Xinzo de Limia, a 06 de xuño de 2024.  Este xoves 06 de xuño tivo lugar unha sesión plenaria de carácter ordinario no Concello de Xinzo de Limia. Durante a mesma, aprobouse de xeito unánime instar ao Ministerio en Madrid que axilice os trámites relativos ao proxecto de humanización da N525 ao seu paso por Xinzo. 

A humanización da N525, que abrangue os tramos das avenidas de Madrid e Ourense, e cuxo proxecto foi publicado no BOE do 26 de abril de 2023, significará un antes e un despois para a vila de Xinzo. O alcalde Amador Díaz declarou que “sempre atendemos todos os requisitos coa máxima colaboración e celeridade, pero vemos que o calendario avanza, e seguimos en fase de revisión dun proxecto comprometido polo Ministerio hai máis dun ano”. 

Adicionalmente, o pleno abordou o expediente de demolición da Presa de Gudín, cun orzamento de 1.200.000 euros, dos cales o Concello aporta o 20%. As obras, que se estiman duren de tres a seis meses unha vez comecen, incluirán a construción dunha balsa para hidroavións e un posible paso aínda non definido que facilitará o tránsito entre os concellos de Xinzo e Baltar. Posteriormente, planease converter o espazo nun entorno agradable e dinamizador do rural.

O pleno tamén aprobou por unanimidade a adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, así como ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) que nos permitirá acceder aos fondos europeos Next Generation, dos cales aínda non se recibiu ningunha subvención directa.

Outro punto importante foi a instalación do Punto de Actualización de Documentación (PAD), un servizo que facilitará o acceso á administración electrónica a través do reparto de claves, eliminando a primeira barreira de entrada no sistema. A pesar do voto en contra do BNG, a medida foi aprobada por considerarse esencial para romper coa fenda dixital.

Por último, foi aprobado o Plan de Medidas Antifraude do Concello, complementario ao PRTR e requisito indispensable para poder acceder aos fondos Next Generation.