Xinzo de Limia Plenos

O pleno do Concello de Xinzo de Limia aproba por unanimidade a solicitude de moratoria eólica

O Concello de Xinzo de Limia acorda solicitar a moratoria eólica para evitar a instalación de macroxeradores próximos ós núcleos rurais.

Xinzo de Limia, a 18 de setembro de 2023.  Durante o primeiro pleno ordinario deste mandato, aprobouse por unanimidade a moción conxunta, instada polo BNG, en favor de solicitar unha moratoria eólica para a nosa Comarca. Tamén se acordou facer extensiva esta petición ó resto de Concellos da zona que se verán afectados pola instalación dos macroxeradores

Saíu adiante, tamén por unanimidade, a moción conxunta instada polo PSdeG-PSOE en favor de adoptar medidas urxentes contra a vespa velutina. Por parte de Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia,  indícase que “xa se reforzou o equipamento de Protección Civil e xa se está colaborando na retirada de ninos naqueles puntos que a Xunta non da cuberto, chegando a retirar 8 diarios por parte de operarios da Protección Civil de Xinzo de Limia”.

Fóra da orde do día debateuse unha moción urxente presentada polo PSdeG-PSOE solicitando novas axudas para material escolar, sendo desestimada cos votos en contra do equipo de goberno, logo de que a tesoureira do Concello sinalase as imposiblidades técnicas da creación desta bolsa a estas alturas do ano. Aínda así, por parte do equipo de goberno recóllese esta idea co compromiso de dotala de partida orzamentaria para o vindeiro curso, evitando que volva a suceder esta “falta de previsión do anterior goberno á hora de elaborar os orzamentos vixentes”.

Por último, este primeiro pleno ordinario serviu para establecer os días festivos do ano 2024, sendo como é costume o martes de Entroido (13 de febreiro) e o día da Santa Mariña (18 de xullo).