O pleno de Xinzo garda un minuto de silencio por Daniel Blanco
-
O pleno iniciouse cun minuto de silencio en homenaxe a Daniel Blanco, ex-concelleiro da corporación local.
-
A corporación aproba por unanimidade os festivos locais para 2025 e a adhesión a programas e convenios de relevancia para o concello.
Xinzo de Limia, a 08 de agosto de 2024. Durante a sesión plenaria celebrada este xoves no Concello de Xinzo de Limia, gardouse un emotivo minuto de silencio en lembranza de Daniel Blanco, quen fora concelleiro desta corporación. Todo o pleno no seu conxunto quixo así render unha merecida homenaxe á súa figura, destacando a súa dedicación e compromiso ao servizo do concello.
Posteriormente, o pleno abordou diversos temas de importancia para a veciñanza. Entre os acordos alcanzados, destaca a aprobación por unanimidade dos días festivos locais para o ano 2025, que serán o 4 de marzo, coincidindo co martes de Entroido, e o 18 de xullo, día da patroa Santa Mariña.
O pleno tamén aprobou a adhesión ao Programa Axente Titor do Ministerio de Sanidade, unha iniciativa presentada polo Grupo Municipal Socialista, orientada a previr desvíos condutuais na mocidade, relacionados co consumo de alcohol, tabaco e outras sustancias. A pesar da abstención do BNG, a medida contou co respaldo do grupo de goberno formado por ÁXIL e PP. Durante o debate, o concelleiro Moncho Gómez subliñou o traballo previo que se está a realizar nesta área, aínda que destacou as limitacións actuais en termos de persoal e recursos técnicos, que inclúen a falta dun espazo adecuado e dun vehículo non rotulado. Con todo, asegurou que se están a tomar medidas para superar estes obstáculos e que se está formando aos primeiros axentes para a correcta implementación do proxecto.
Ademais, aprobouse por unanimidade a adhesión ao convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos para a recollida, transporte e tratamento de residuos sólidos de competencia local. Esta adhesión permitirá ao concello seguir beneficiándose dun servizo público esencial que xa está en funcionamento na maioría dos concellos da provincia.
Outra das medidas aprobadas, tamén por unanimidade, foi a adhesión á Central de Contratación da FEGAMP para servizos postais e telegráficos, o que suporá un aforro importante para o concello nos envíos de documentación.
Finalmente, o pleno aprobou a regulación dos prezos públicos para as actividades deportivas dirixidas fora da auga, tales como pilates e aerobic, que se imparten na Piscina Climatizada. Os prezos serán de 30€ ao mes para menores de 65 anos e 20€ ao mes para maiores de 65 anos, garantindo así a continuidade destas actividades no vindeiro curso.