Xinzo avanza: aprobados os orzamentos municipais para 2025
-
O Concello traballa para estirar ao máximo os recursos nun contexto de axuste económico.
-
As colonias felinas contarán cun protocolo oficial para a súa xestión sostible.
-
O Concello aforra 70.000 euros anuais ao cambiar o contrato de subministro eléctrico.
-
O irmandamento con Ponte de Lima renóvase coincidindo cos seus 900 anos de historia.
-
O alcalde comprométese a liderar un grupo de traballo para pedir financiamento autonómico para os conservatorios municipais.
-
A travesía da N-525 será renovada cun proxecto xa adxudicado.
-
Unanimidade para investir na mellora das rúas do casco vello.

Xinzo de Limia, 27 de febreiro de 2025. O Pleno do Concello de Xinzo de Limia aprobou por unanimidade varios puntos clave na última sesión ordinaria, destacando o avance na remodelación da travesía da N-525, as melloras no casco antigo e a regulación das colonias felinas. Ademais, o goberno municipal informou sobre o proxecto do Plan HURBE e aprobou os orzamentos municipais para o exercicio actual.
Transformación da travesía da N-525
A obra de humanización da travesía da estrada N-525 ao seu paso por Xinzo foi oficialmente adxudicada o pasado 20 de febreiro. A partir de agora, os prazos iranse sucedendo segundo o calendario establecido para unha infraestrutura desta envergadura. Trátase dunha actuación de gran importancia para a vila, chamada a mellorar tanto a seguridade viaria como a mobilidade e a integración urbanística deste tramo, poñendo ás persoas no centro.
Melloras no casco antigo
O Pleno aprobou, por unanimidade, unha moción do grupo socialista para a reparación de diversas rúas do casco antigo. O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, e o alcalde, Amador Díaz, explicaron que estas rùas non están incluídas no Plan HURBE, un proxecto que suporá un investimento de arredor de 2 millóns de euros e que se atopa na súa fase final de preparación. Con todo, o goberno municipal xa previra esta necesidade e está a rematar un proxecto independente cun orzamento estimado de 300.000 euros para mellorar esas vías.
A maiores, recordouse que xa se atenderon demandas veciñais previas relacionadas co casco antigo, tales como:
-
Aumento da vixilancia con presenza reforzada da Policía Local e da Garda Civil.
-
Limpeza exhaustiva despois de cada fin de semana con medios propios do Concello.
-
Instalación de bandas redutoras de velocidade.
-
Colocación de tres cámaras de vixilancia para mellorar a seguridade na zona.
Garantía do servizo do Conservatorio de Música
Outro dos puntos aprobados foi a prol do Conservatorio Profesional de Música, un servizo que, a pesar de xerar un déficit nas arcas municipais, é considerado prioritario polo seu valor educativo e cultural. O alcalde, Amador Díaz, comprometeuse a liderar un grupo de traballo xunto cos outros catro alcaldes da provincia que manteñen conservatorios profesionais financiados exclusivamente polos seus concellos. O obxectivo é reclamar apoio económico por parte da Xunta de Galicia a través da Consellería de Educación.
Irmandamento con Ponte de Lima
O Pleno aprobou a renovación do irmandamento entre Xinzo de Limia e Ponte de Lima, coincidindo co 900º aniversario da vila portuguesa. A sinatura formal deste acordo de renovación celebrarase o vindeiro 3 de marzo en Ponte de Lima e o Concello de Xinzo estará representado polo concelleiro de Cultura, Carlos Gómez.
Regulación das colonias felinas
A corporación municipal aprobou por unanimidade un protocolo para regular a xestión das colonias felinas. Este marco legal permitirá traballar de forma sostible na protección e control das colonias, ademais de facilitar o acceso a subvencións públicas para as asociacións que desenvolven esta labor no municipio.
Aforro de 70.000 euros na factura eléctrica
Por decreto de Alcaldía, revogouse a adhesión do Concello ao convenio da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para o subministro eléctrico, tras un estudo técnico que revelou que Xinzo podería aforrar ata 70.000 euros anuais contratando a enerxía por outras vías.
Orzamentos municipais: axuste e contención
Aprobáronse os orzamentos municipais para este exercicio cun total de 8.908.000 euros en ingresos e 8.575.000 euros en gastos. A pesar da limitación imposta polo Plan de Axuste ao que está sometido o Concello ata 2032, conseguiuse reservar 390.000 euros para investimentos. O goberno municipal subliñou que a cantidade é reducida e que será preciso optimizar os recursos ao máximo para atender as necesidades prioritarias do Concello, tal como se fixo nas últimas anualidades.
O equipo de goberno reafirma o seu compromiso cunha xestión responsable, buscando sempre o beneficio da veciñanza e optimizando os recursos dispoñibles para seguir avanzando no desenvolvemento de Xinzo de Limia.