Xinzo de Limia

Xinzo nomeará Fillo Adoptivo a Don Gonzalo Iglesias Sueiro

Esta proposta xorde dunha iniciativa popular e foi apoiada por toda a corporación municipal.
Pleno 19-04-2024
Pleno 19-04-2024

Xinzo de Limia, a 19 de abril de 2024. Durante a sesión plenaria celebrada este venres abordáronse diversos temas de relevancia para a comunidade local. 

O punto máis destacado, que foi aprobado por unanimidade, é o nomeamento como Fillo Adoptivo a Don Gonzalo Iglesias Sueiro. A súa incalculable traxectoria como pedagogo, a súa contribución no eido da cultura e a súa capacidade política e de servizo público, remarcan a figura do homenaxeado e representan unha honra para toda a veciñanza. Esta proposta xorde dunha iniciativa popular encabezada polo querido Alfonso Lois, anterior técnico de Cultura do Concello.

Tras unha moción da oposición todo o pleno votou de xeito unánime a favor de solicitarlle á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que siga investindo nunha nova fase do Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, afondando nas infraestruturas hidráulicas e canalizacións das que dispón. O presidente da CHMS amosou o seu interese neste novo proxecto no mes de marzo, cando realizou unha visita ás últimas obras de acondicionamento deste importante recurso patrimonial para toda a comarca.

Tamén se ratificou o convenio de colaboración para o Obradoiro de Emprego do Peregrino entre os Concellos de Xinzo de Limia e Sandiás. Este programa, que se desenvolverá por terceira vez, incluirá diversas actuacións de embelecemento e pon en valor unha vez máis a colaboración intramunicipal como cabeceira de comarca.

Aprobouse o convenio que permitirá comezar na maior brevidade as obras da Pista da Armada cun custo de cero euros para as arcas do Concello, e procedeuse á aprobación inicial da modificación das taxas polo uso das infraestruturas deportivas, o que suporá un lixeiro aumento nos prezos para equiparalo ó doutros Concellos semellantes.

Por último, destacouse favorablemente a visita do Alcalde Amador Díaz á provincia ecuatoriana de Tungurahua, en favor da internacionalización de Xinzo de Limia e da cooperación social con distintas rexións de todo o mundo.