Xinzo de Limia habilita 10 prazas de aparcamento rápido gratuítas para favorecer a mobilidade e o comercio
● O plan conta con 10 prazas gratuitas establecidas en 3 zonas: rúa Curros Enríquez, avenida de Ourense e rúa da Ladeira.
● Os principais obxectivos son mellorar a mobilidade e favorecer o pequeno comercio do centro da vila.Xinzo de Limia, a 23 de outubro de 2023. O Concello de Xinzo de Limia anuncia a creación de tres zonas de aparcamento rápido co obxectivo de mellorar a mobilidade no centro, evitar coches mal aparcados e favorecer o pequeno comercio.
Esta innovadora medida aplicada pola concellaría de mobilidade, con Moncho Gómez á cabeza, está coordinada coa Policía Local e nace dunha idea importada polo novo inspector xefe, José Manuel Estévez. A primeira fase contará con tres zonas piloto, sobre as que se estudarán os diferentes impactos de cara á creación de máis prazas rápidas noutros tramos da vila. Serán na rúa Curros Enríquez, na avenida de Ourense e na rúa da Ladeira.
O funcionamento dos aparcamentos será a través dun disco horario no que se debe anotar a hora de chegada, sabendo que a de saída non debe superar os quince minutos. Estes discos entregaranse durante os próximos días a todos aqueles interesados no Concello e nos diferentes comercios das zonas. Será tarefa da Policía Local verificar o bo cumprimento dos prazos indicados. De xeito paralelo, intensificaranse as sancións a vehículos mal aparcados, entendendo que as amplas zonas de aparcamento gratuito das que dispón o Concello de Xinzo de Limia cumpren un servizo aceptable.
Estas zonas de parking funcionarán de 09.00 a 14.00 e de 16:00 a 20:00 horas entre semana e tamén os sábados pola mañá. O resto do día, pola noite e fins de semana serán de uso libre e ilimitado. Polo de agora, ó tratarse dunha proba piloto, non se sancionará ós vehículos mentres se adaptan á novidade.
Outra das informacións presentada no día de hoxe, é a publicación na páxina web do Concello da listaxe de obxectos perdidos. Entre a Policía Local e o Gabinete de Comunicación estanse ultimando as tarefas para habilitar esta nova sección na páxina web durante a semana en curso.
O inspector xefe aproveitou para lembrar algunhas das campañas nas que está traballando a Policía Local, entre as que destacou a de revisión de neumáticos e unha nova campaña de vixiancia do ocio nocturno que comezará a próxima fin de semana.