Xinzo repartirá 400 trampas contra velutinas
-
A iniciativa conta coa colaboración da Policía Local e da Protección Civil.
-
As veciñas e veciños poderán notificar a presenza de niños de velutina directamente á Policía Local.
Xinzo de Limia, a 17 de xuño de 2024. Nun esforzo pioneiro, o Concello de Xinzo de Limia implementará un ambicioso plan destinado a combater a invasión da avespa asiática (vespa velutina), marcando un paso significativo na protección da biodiversidade e na prevención de pragas. O anuncio deste plan contou coa participación de Amador Díaz, alcalde de Xinzo, José Manuel Estévez, inspector xefe da Policía Local e Moncho Gómez, concelleiro responsable da área.
A iniciativa inclúe o uso dun fusil especial deseñado para disparar proxectís que inutilizan os niños de avespas de forma segura e eficaz. Adicionalmente, o Concello iniciou a distribución de 400 trampas selectivas impresas en 3D, que se poden instalar facilmente en botellas de plástico, fomentando a participación cidadá no autocontrol deste tipo de pragas. Estas trampas encheranse cun atraente caseiro, composto por auga, azucre e levadura fresca, unha combinación deseñada para ser efectiva e accesible. A distribución das mesmas farase a través da Policía Local, empregando o servizo móbil de Atención á Cidadanía, con rutas preestablecidas a tódolos lugares e núcleos do rural de Xinzo.
Este plan, que problemática específica das velutinas, inscríbese dentro dun marco máis amplo de esforzos do concello para prever e controlar calquera tipo de pragas que poidan afectar a nosa comunidade e ecosistemas. As veciñas e veciños do Concello poderán notificar a presenza de niños de velutina na Policía Local de Xinzo, para que poidan acudir axentes ou membros da Protección Civil, que tamén colabora no plan anti velutinas.