Xinzo de Limia

ALIMAGRO e PROLIMIA arrancan con expectativas de éxito conxunto en Xinzo de Limia

  • Xinzo de Limia inaugura unha fin de semana histórica coa celebración conxunta de Alimagro e Prolimia, consolidándose como un referente no sector agroalimentario e no comercio local.

Visitando a V Feira do Comercio PROLIMIA
Visitando a V Feira do Comercio PROLIMIA

Xinzo de Limia, a 30 de agosto de 2024.  Hoxe arrancaron en Xinzo de Limia dúas das feiras máis esperadas do ano: a V edición de Alimagro, Feira do Agro da Limia, e a V Feira do Comercio PROLIMIA. Este evento conxunto, que se estenderá até o 1 de setembro, reúne o mellor do sector agroalimentario e do comercio local nunha fin de semana que promete ser histórica tanto en afluencia como en impacto económico.

Para acoller ambas feiras, a organización ampliou a zona de exposición, instalando unha gran carpa exterior para a tradicional Feira da Pataca, mentres que a Feira do Comercio terá lugar no pavillón polideportivo. Con esta disposición, espérase que se superen todos os rexistros de participación e asistencia, convertendo Xinzo de Limia nun referente do sector en Galicia e no resto de España.

Durante os tres días, visitantes de toda a rexión e máis alá poderán gozar dunha variada programación que inclúe mesas redondas, showcookings, degustacións e actividades para todas as idades. O sábado será un día especialmente destacado en Alimagro coa elaboración da tradicional tortilla xigante, mentres que o domingo, PROLIMIA sorprenderá cunha paella xigante que servirá como broche final. Ademais, ambas feiras contan con espazos dedicados á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico, reflectindo o compromiso da comarca coa modernización e a sustentabilidade.

A colaboración entre Alimagro e PROLIMIA non só potenciará o sector primario, centrado na pataca, senón que tamén reforzará o comercio de proximidade, destacando as vantaxes dunha economía circular.  Con estas dúas feiras, Xinzo de Limia sitúase como un epicentro de referencia, nunha fin de semana que promete ser un éxito sen precedentes.