ALIMAGRO e PROLIMIA superan expectativas con máis de 10.000 visitantes
-
O público goza plenamente das feiras conxuntas, consolidando ALIMAGRO e PROLIMIA como eventos referenciais.
Xinzo de Limia, a 02 de setembro de 2024. A fin de semana das feiras ALIMAGRO e PROLIMIA celebrouse con éxito rotundo en Xinzo de Limia, reunindo máis de 10.000 persoas ao longo dos tres días de duración. Este resultado representa un notable incremento na asistencia con respecto a edicións anteriores, demostrando que a decisión de combinar ambos eventos foi un verdadeiro acerto, conseguindo atraer un maior número de visitantes á localidade.
A participación dos expositores e do público foi exemplar, destacando a dedicación, o sacrificio, a ilusión e o compañeirismo que fixeron posible que ambas feiras brillasen con luz propia. A carpa da Feira da Pataca, o pavillón que acolleu a Feira do Comercio e a zona do Parque do Toural coa maquinaria agrícola estiveron cheos de actividade e visitantes durante toda a fin de semana.
Entre os eventos máis destacados, a tortilla xigante bateu récord de asistencia, converténdose nun dos grandes atractivos da feira. Os xogos de bingo organizados por PROLIMIA congregaron a centos de persoas, mentres que os sorteos finais e a variada oferta de produtos conseguiron que o domingo pola tarde os tres espazos das feiras estivesen abarrotados. Tamén as xornadas técnicas de ALIMAGRO e as diversas charlas e actividades acadaron un éxito de participación, consolidando estas feiras como un evento de referencia.
O impacto económico foi notable, superando todas as expectativas en comparación con anos anteriores. O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, subliñou que a decisión de unir ambas feiras “foi unha gran idea, potenciáronse mutuamente e converteron a fin de semana nun éxito sen precedentes”. Con este éxito, xa se comeza a falar das próximas edicións, que chegarán á súa VI convocatoria no ano 2025, mantendo o compromiso de seguir impulsando o sector agroalimentario e o comercio local en Xinzo de Limia.