Xinzo de Limia Portadas

O II Patapas amplía duración e aposta pola creatividade gastronómica

  • O evento amplía a súa duración para reforzar o impacto social e económico.

  • Unha nova cita imprescindible no calendario de Xinzo.

  • Tapas a 2€ dispoñibles de xoves a domingo durante tres semanas en máis de 20 establecementos.

José Manuel Gómez, Amador Díaz e Ricardo Sieiro.
José Manuel Gómez, Amador Díaz e Ricardo Sieiro.

Xinzo de Limia, a 15 de novembro de 2024. O Concello de Xinzo de Limia presenta a segunda edición do Concurso de Patapas, unha cita que aposta por combinar creatividade culinaria e dinamización local. Do 21 de novembro ao 8 de decembro, máis de vinte establecementos da vila ofrecerán tapas únicas elaboradas coa recoñecida pataca limiá, o produto estrela da comarca.

O formato deste ano amplía horizontes cunha duración de tres fins de semana consecutivos, reforzando a súa capacidade para atraer tanto á veciñanza coma a visitantes. Cun prezo por tapa de 2€, as persoas participantes poderán degustar sabores exclusivos en horarios que abarcan mediodía e noite, adaptándose ás preferencias de todo tipo de público.

Máis que un evento gastronómico

Este concurso vai alén da cociña: é unha iniciativa que impulsa a colaboración entre os locais e promove o consumo no comercio local mediante máis de 2.500€ en premios. Estes inclúen bonos para gastar en establecementos da vila e sorteos en redes sociais, que na primeira edición lograron un impacto superior a 200.000 visualizacións, consolidando o nacemento deste concurso.

O alcalde Amador Díaz, salientou que “o II Patapas non só enriquece a nosa oferta cultural e gastronómica, senón que xera un impacto positivo e inmediato tanto na hostalería como no comercio, fortalecendo a economía local e os lazos comunitarios.”.  Pola súa banda, o presidente da IXP Pataca de Galicia José Manuel Gómez, animou a todas e a todos a “consumir pataca galega, a nosa pataca, a mellor pataca do mundo”.

A Limia, protagonista

Cada tapa servida será unha mostra do talento e creatividade dos nosos hostaleiros, pero tamén un tributo á pataca da Limia, símbolo indiscutible do noso territorio. A través desta experiencia, a tradición e a innovación gastronómica únense para ofrecer unha ruta que deleitará tanto os padais máis curiosos coma os máis esixentes.

O Concello de Xinzo convida a todas as persoas a participar e vivir esta experiencia única, que mestura o sabor auténtico da nosa terra co pracer de descubrir novos xeitos de gozar da pataca.

Cartel II Patapas
Cartel II Patapas