O Fondo Galego dálle a benvida ao Concello de Xinzo cunha xuntanza da Comisión Executiva
-
Xinzo de Limia vén de adherirse a esta rede de administracións locais comprometidas coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global
-
O alcalde, Amador Díaz, expúxolles a colaboración co Ecuador ao edil de Cartelle, á edil de Oleiros e ós rexedores de Nigrán, Molgas e Cuntis presentes na reunión
Xinzo de Limia, a 26 de xuño de 2024. A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou a súa xuntanza mensual no Concello de Xinzo de Limia, en sinal de agradecemento pola súa recente adhesión a esta rede de administracións locais e provinciais comprometidas coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Xinzo é un dos dez municipios que se sumaron á asociación municipalista na primeira metade de 2024, reafirmando así o seu compromiso coa defensa dos Dereitos Humanos.
O alcalde, Amador Díaz, brindou un agarimoso acollemento ás dirixentes do Fondo Galego, encabezados polo presidente e alcalde de Nigrán, Juan González, xunto co vicepresidente e concelleiro de Cartelle, Daniel Fernández, a concelleira de Oleiros, Marga Figueroa, e mais os rexedores de Cuntis, Manuel Campos, e Baños de Molgas, Manuel Fernández, que ocupan cadansúa vogalía. O anfitrión tivo a oportunidade de presentarlles o irmandamento co Goberno Provincial de Tungurahua, en Ecuador, para impulsar a agricultura sostible e a economía circular en relación co cultivo e comercialización da pataca.
Durante a xuntanza adxudicáronse ademais as prazas do programa Especialistas en Cooperar, que enviará a tres técnicas e técnicos municipais a colaborar coas entidades socias do Fondo Galego en Mozambique e Cabo Verde. Así mesmo, fíxose balance da recente misión a Guinea-Bissau para supervisar os proxectos de auga e saúde alí apoiados. Do mesmo xeito, deuse conta das iniciativas que se financiarán este ano na África lusófona e as actividades para os próximos meses.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 111 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 25 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030