A primeira edición de EXPOFAMILIA supera todas as expectativas e deixa pegada en Xinzo
-
EXPOFAMILIA 2024 superou as expectativas con gran afluencia de público de toda Galicia e un ambiente familiar inesquecible.
-
Carlos González e as charlas sobre crianza respectuosa convertéronse no prato forte dun evento que deixará pegada en Xinzo de Limia.
Xinzo de Limia, a 10 de setembro de 2024. EXPOFAMILIA 2024 conclúe con gran éxito tras unha fin de semana dedicada á saúde e benestar familiar en Xinzo de Limia, os días 7 e 8 de setembro. O evento, organizado por Fusión Fitness, La Tribu – Xinzo e o Concello de Xinzo de Limia, superou todas as expectativas, atraendo a público tanto da comarca como de cidades como Ourense, Vigo e A Coruña. A afluencia foi tan elevada que moitos dos obradoiros programados tiveron que ser duplicados para atender a demanda, o que reafirma o interese xeral polos contidos e actividades ofrecidas.
Nun ambiente cálido e familiar, as familias gozaron de talleres, actividades e charlas que abordaron desde a crianza respectuosa ata os hábitos saudables. A participación do pediatra Carlos González, recoñecido por ser un referente en temas de crianza, foi un dos momentos máis esperados da feira, enchendo a carpa coas súas ponencias sobre “Necesidades afectivas” e “Autoridade e límites”. A súa presenza foi un gran atractivo e congregou a familias de toda Galicia.
EXPOFAMILIA non só destacou pola súa programación, senón tamén polo seu impacto social. Grazas ás iniciativas promovidas durante o evento, logrouse a creación dunha nova familia de acollida e outras dúas están en proceso. Ademais, numerosas asociacións presentes no evento conseguiron un notable incremento de socios.
O éxito desta primeira edición deixa aberta a porta a un futuro prometedor, co desexo de que EXPOFAMILIA se consolide como un evento anual de referencia en Xinzo de Limia.