Xinzo de Limia e a USC promoven a integración co Seminario “Implicación Familiar e Participación Social”
-
As xornadas, orientadas a toda a poboación, celébranse os venres e sábados de novembro.
-
O seminario ofrece formación en distintas áreas relacionadas co desenvolvemento persoal e social.
-
Conferencias abertas a tódalas persoas asistentes e Diploma acreditativo con inscrición previa.
Xinzo de Limia, a 06 de novembro de 2024. O Concello de Xinzo de Limia organizará este mes de novembro o seminario “Implicación Familiar e Participación Social nas Comunidades de Acollida”, un evento que busca promover a integración e a colaboración intercultural entre os veciños e veciñas do municipio. Grazas á colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e á cofinanciación da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e Fondos Europeos, o seminario celebrarase no Salón de Plenos da Casa Consistorial en varias sesións ao longo dos días 8, 9, 15, 16, 22 e 23 de novembro.
Este encontro está dirixido a toda a poboación e abordará temas de gran interese. O obxectivo central é facilitar un espazo onde compartir e aprender valores esenciais para a convivencia, ao tempo que se fomenta unha comprensión máis profunda da diversidade cultural que define a sociedade actual.
O evento contará coa participación de Alexandre Sotelino Losada, profesor da USC, como coordinador académico, mentres que a coordinación técnica será responsabilidade de José Losada Enríquez, educador social do Concello de Xinzo de Limia. Con esta colaboración, o seminario busca non só informar, senón tamén crear un espazo de aprendizaxe compartida entre profesionais, alumnado e cidadanía, abordando a realidade intercultural con compromiso e apertura.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Xinzo, Ángeles Martínez, sinala que este seminario representa un paso máis cara a unha sociedade de acollida integradora e cohesionada. Como destaca a edila, o Concello está a traballar para fortalecer os lazos sociais entre veciños, promover o respecto mutuo e abrir novos camiños para o entendemento entre comunidades de diferentes orixes.