Xinzo de Limia Xuventude

Xinzo celebra o Día da Xuventude cunha xornada de actividades gratuítas para mozas e mozos de 12 a 35 anos

  • Escapismo, realidade virtual e graffiti: unha tarde chea de acción e aprendizaxe no Día da Xuventude en Xinzo.

Cartel Día da Xuventude
Cartel Día da Xuventude

Xinzo de Limia, a 03 de setembro de 2024.  O vindeiro sábado 07 de setembro vaise celebrar en Xinzo o Día da Xuventude, un evento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Xinzo de Limia que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade en desenvolvemento do Plan Corresponsables.

O evento terá lugar na praza Carlos Casares durante a tarde do sábado. As actividades están deseñadas para mocidade de entre 12 e 35 anos, aínda que os nenos e nenas menores de 12 anos que asistan como acompañantes teñen dispoñible un espazo de construción para pasar un bo rato.

As actividades, nas que se pode participar de forma libre e gratuíta, estarán abertas de 16 a 21 horas. No Día da Xuventude os mozos e mozas poderán facer un xogo de escape e realidade virtual no taller de concienciación ambiental, tiro con arco en lecer educativo, participar nun obradoiro de arte colaborativo a través do graffiti ou asistir a unha demostración culinaria no espazo de gastronomía saudable entre outras actividades, as persoas que completen os xogos e dinámicas poderán levar un agasallo do Día da Xuventude. Destacar que como peche do evento de 20:30h. a 21:00h. haberá unha actuación a cargo do DJ Pablo Seguín.

O Día da Xuventude aposta por unha alternativa de ocio saudable e educativa en máis de 30 concellos galegos, buscando a participación activa da mocidade local.