IGREXAS ROMÁNICAS DE XINZO DE LIMIA
Rutas das Igrexas Románicas
Concellería de Cultura e Turismo Concello de Xinzo de Limia
Os traballos realizados de interpretación das igrexas románicas de Xinzo de Limia, encádranse na creación e posta en valor dos recursos turísticos e patrimoniais do Concello de Xinzo, que irán completando unha oferta atractiva e variada para as persoas que visiten o noso municipio.
A pretensión é que estos recursos sirvan o mesmo tempo como xeneradores de empleo e riqueza nas actividades económicas relacionadas especialmente cos sectores hosteleiros e comerciais da vila e da comarca Limia.
A posta en valor da singularidade das igrexas románicas, hai que engadir outros recursos turísticos creados nos últimos anos como o Museo Galego do Entroido, que adquirira un protagonismo especial co Convenio recentemente asinado coa Deputación de Ourense e a previsible Declaración do Entroido de Xinzo como festa de interese Turistico internacional que suporá un fito histórico para a vila Limia nos vindeiros meses.
Outros Referentes turísticos do Concello están sendo tamén o Museo dos Mundos de Carlos Casares, o Albergue de Peregrinos e a vía da Prata, as actuacións realizadas recentemente no entorno do Mosteiro do Bon Xesus de Trandeiras, e aquelas outras previstas e en proceso de redacción do proxecto de accesibilidade da Torre de Pena.
A estos atractivos engádese a inclusión da Limia no proxecto GaliciaBirding da Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia.
Ou mesmo o proxecto de humanización e posta en valor do Casco historico de Xinzo -o Barrio de Abaixo-.
A Concellería de Cultura e Turismo tamén está traballando co Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Historia Antiga e Territorio da Universidade de Vigo para poñer en valor nos vindeiros anos algúns xacementos arqueolóxicos de Xinzo de Limia.
Hai nove igrexas, de suma importancia histórica, todas elas igrexas medievais de orixe canto menos románica:
- Santa Mariña de Xinzo de Limia:
A igrexa de Santa Mariña de Xinzo coñecida como “a igrexa vella”, conta con numerosas reformas nas súas costas. Hoxe en día observamos un templo medieval con reformas en época barroca.
Os elementos románicos que mostra, como canzorros e capiteis son de peculiar feitura, xa que moitos están refeitos durante o século XVI, cando as crónicas nos din que a igrexa era “pequena, baixa e mal construída”, mandándose reformar e mercando casas da contorna para ampliar o seu adro.
Durante as obras de pavimentación no ano 1995, realizáronse escavacións arqueolóxicas que puxeron de manifesto a existencia de niveis romanos no subsolo e incluso varias fases de necrópoles tardoantigas e medievais.
En canto ás fases de igrexa, a intervención arqueolóxica mostrou que no lugar existía unha pequena igrexa prerrománica (ss. X-XI), sendo esta sustituida pola románica posiblemente no século XIII. Posteriormente, xa en época moderna, a igrexa sufría numerosas reformas, como a ampliación da súa torre.
- San Tomé de Morgade:
A igrexa de San Tomé de Morgade realizouse seguindo o mesmo esquema que a de San Pedro de Boado, da cal é matriz.
A igrexa é de orixe románico, como atestiguan as súas portas frontal e lateral. Pero no século XX sofre varias reformas que trocan a súa configuración medieval, coma o recrecemento do tellado ou o campanario.
No século XVII engádeselle a actual sancristía. O recrecemento contemporáneo dos seus muros é visible nos seus laterais, cunha clara marca diferenciatoria entre os muros románicos da súa parede norte e os contemporáneos, con ventás.
- San Pedro de Boado:
A igrexa de San Pedro de Boado ten a súa orixe coñecida no século XII. Como nos mostra o románico da súa fachada principal e porta lateral.
Contou con modificacións ao longo da Idade Moderna e Contemporánea das que destacan a modificación das súas portas, principal e lateral, para facelas máis altas. Na porta principal obsérvase como o chan foi rebaixado mentres que na porta lateral sería o tímpano o cal sería piqueteado para gañar altura.
- Santo André de Piñeira Seca:
Se observamos a igrexa dende a entrada actual ao adro, poderemos comprobar a simple vista, ollando os seus muros, como ten dúas fases construtivas principais. Unha románica, próxima á portada, realizada a soga e tizón cunha ventá saeteira e canzorros na súa cornisa, fronte a unha ampliación barroca, sen decoración e cunha grande ventá.
Entre os canzorros poden identificarse xabaríns, cordeiros, lobos e incluso algunha figura humana.
A súa fábrica máis antiga é do século XII, mentres que a ampliación moderna é de mediados do século XVIII.
- San Xoán de Guntimil:
A súa porta con capiteis e o seu muro norte, con canzorros, permítennos coñecer a data de edificación desta igrexa, durante o século XII, erixida nun estilo románico.
Grazas á unha inscrición no seu lado sur, a carón da porta lateral, coñecemos a data de modificación e destrución das fábricas románicas da igrexa, 1617, cando se amplia a nave da mesma.
Na documentación histórica, reflíctese como en 1665 o campanario derrúbase e mándase reedifícalo ao mestre de cantería Francisco Portela, tras oito días de traballo, homes do gobernador de Monterrei o capturan e o levan á súa fortaleza onde morrería.
- San Xoán de Seoane de Oleiros:
A conservación das fases románicas de San Xoán de Seoane de Oleiros é case que única na Limia. Trátase dunha igrexa con escasas modificacións dende o século XII.
A igrexa foi edificada en 1171, data que coñecemos grazas a varias inscricións conservadas nos seus muros laterais.
Conserva varios elementos típicos do románico, as súas cornixas decoradas con canzorros, os arcos da porta de entrada ou a ventá saeteira entre arcos e columnas na súa ábsida.
Os canzorros son homoxéneos no seu muro norte, con motivos xeométricos, mentres que no lado sur, a riqueza dos mesmos é única, con bóvidos e incluso un can ou lobo mordendo un brazo humano.
- San Nicolau de Novás:
San Nicolao de Novás e unha fermosa igrexa románica encadrada no século XII.
Trátase dun monumento excepcional debido á súa boa conservación, con escasas modificacións trala súa construción. No exterior observamos unicamente máis recente a súa espadana así como algún recrecemento menor do tellado.
A porta atópase ricamente decorada con arquivoltas, mentres que os seus canzorros contan con múltiples motivos como animais, proa de barco, etc.
- Santa María de Laroá:
Dominado o cumio do seu núcleo de poboación, coma moita das igrexas románicas de Xinzo de Limia, Santa María de Laroá é unha igrexa de orixe románico, pero con profundas modificacións en época moderna.
Do século XII, conserva a súa parede norte, con canzorros de decoración diversas, entre animal e xeométrica. O resto das súas paredes foron modificadas no século XVIII, destruíndose así a súa fábrica románica, na fachada principal e resto de muros.
Grazas ás fontes documentais sabemos que a igrexa foi modificada a principios do século XVIII, con problemas de construción, chagando a haber un preito contra o maestro de obras, por non telas rematadas.
- San Pedro de Solbeira de Limia:
O románico de San Pedro, xira en torno a un elemento decorativo, as bolas que adornan todas a súa fachada. Dende a porta atá a súa espadana.
No século XVII sofre obras de ampliación, pero neste momento tentan seguir o xa daquela desfasado estilo románico, na súa parte traseiro dotando á cornisa, neste lugar de falsos conzorros de inspiración románica.
No 1915 sofrirá un grande incendio, motivo polo cal hoxe conta con bóvedas de cemento, no seu interior.
Dada a decoración e forma das ventás da súa espadana, é moi probable que nos atopemos ante unha escasa espadana románica.
Estas igrexas carecían de infraestruturas interpretativas, que permitan ó visitante comprender as súas singularidades históricas e artísticas.
Os traballos consistiron na documentación histórica sobre os elementos en cuestión, tanto con consulta bibliográfica, como en campo. Así́ como a documentación da cultura inmaterial asociada ós templos.
Realizouse unha revisión de paramentos no exterior e interior dos edificios, de cara a poder identificar fases anteriores á época barroca. Esta revisión buscou identificar fases altomedievais e medievais, nas formas artísticas do románico e o prerrománico. Permitindo así comprender a realidade da paisaxe de Xinzo ó longo da época medieval e moderna.
A divulgación dos templos realizouse en base a paneis interpretativos seguindo o manual de sinalización turística da Xunta de Galicia. O deseño, tanto de contidos como do propio panel foi realizado por persoal con experiencia acreditada na interpretación do patrimonio cultural da Empresa “Estela Arqueoloxia e Patrimonio”.
Empregouse un tipo de panel panorámico, reformado para acadar información sobre a igrexa en cuestión así como un plano de situación de todas as igrexas e fitos patrimoniais do Concello de Xinzo de Limia. A colocación destes paneis, fixose nas proximidades das igrexas, fora dos seus adros e en lugares nos que non supoñan un obstáculo visual para a súa contemplación.